15/11/2022

QUE TUBO VAI PRIMEIRO?

    Durante as miñas primeiras prácticas de enfermería, foron moitas as veces que me preguntei en que orde debía encher os tubos empregados para extraer as mostras de sangue. Dado que entre as enfermeiras veteranas da planta non existía consenso, tiven que resolver esta gran dúbida pola miña propia conta.

    Hoxe, nesta entrada, abordarei dito tema co obxectivo de facilitarvos un pouco o voso presente ou futuro enfermeiro. Antes de ir ao gran, comezarei explicando un pouco a función e contido dos tubos que máis vos atoparedes no hospital.

TUBO AMARELO: BIOQUÍMICA

    Este tubo contén un xel separador que permite obter un soro de alta calidade analítica, sen contaminación procedente do coágulo.

    O soro é a fase líquida do sangue obtida dunha mostra que se deixou coagular (tubo sen anticoagulante). Contén todos os compoñentes moleculares do sangue excepto as proteínas de coagulación, que se atopan no coágulo.

    No tubo amarelo realízanse, polo tanto, determinacións bioquímicas (electrólitos, glicosa, graxas, enzimas...)

TUBO MALVA: HEMOGRAMA

    Un hemograma é un análise de sangue que permite facer un reconto das células sanguíneas. Como é lóxico, para poder contalas, estas deben de estar libres, polo que hai que evitar a formación dun coágulo. Para isto, cando retiramos sangue, facémolo nun tubo que contén anticoagulante. No caso do tubo para hemograma, o anticoagulante que contén é EDTA. O EDTA atrapa o Ca+2 e, desta forma, impide a cascada de coagulación.

    É importante encher este tubo ata a marca indicada, dado que o EDTA e o sangue deben de mesturarse nunha proporción determinada para non alterar as células sanguíneas.

    Este análise permite detectar unha ampla variedade de enfermidades, incluída a anemia, as infeccións e a leucemia.

TUBO AZUL CLARO: COAGULACIÓN

    O tubo azul claro contén o anticoagulante citrato de sodio, o cal actúa de modo moi similar ao EDTA.

    No laboratorio, retírase o citrato da mostra anticoagulada, déixase que o sangue coagule e mídese o tempo que tarda en facelo. Tamén se avalía o tempo de protrombina (TP), fibrinóxeno, VSG, tempo de tromboplastina parcial (TTP), etc.

    Como vos podedes imaxinar, serve para estudar alteracións da coagulación, así como os efectos de tratamentos anticoagulantes.

    Tras o enchido de cada tubo con anticoagulante (malva e azul claro), estes deben inverterse suavemente para homoxeneizar a mostra. Porén, os que non conteñen anticoagulante non deben moverse para evitar a hemólise.

    Agora, volvendo ao tema que verdadeiramente nos interesa, quería explicarvos que é a orde de extracción. A orde de extracción é unha estratexia utilizada para minimizar o risco de contaminación dun tubo, con aditivos procedentes doutro. Recoméndase a seguinte:

1º Frascos para hemocultivos
2º Tubo para a análise de soro
3º Tubo para probas de coagulación: anticoagulante citrato.
4º Tubos restantes con anticoagulantes que non sexan citrato.

    Conclusión, a orde sería: AMARELO, AZUL e MALVA.

    Espero que vos servise de axuda!!

    Referencias

    1. https://enfermeriacreativa.com/2017/01/24/que-tubo-lleno-primero/
    2. https://unenfermerocurioso.wordpress.com/2016/10/03/orden-de-llenado-de-tubos-de-muestras-sanguineas-cual-es-el-correcto/
    3. https://reactlab.com.ec/cientifico/como-elegir-el-tubo-de-recoleccion-de-sangre-correcto/
    4. https://yoamoenfermeriablog.com/2019/11/24/toma-de-muestras-de-laboratorio/

    Día mundial do paciente anticoagulado

    ENFERMERÍA DOS COIDADOS MÉDICO - CIRÚRXICOS

         Unha das 7 especialidades da enfermería é a dedicada aos coidados médico-cirúrxicos, que consiste na axuda aos anestesistas e aos cirur...